Casa con dous escudos

Sitúase na encrucillada da rúa da Costa e do Santo Cristo. Aparece levantada entre medianeiras e destaca polos dous brasóns que loce na súa fachada, conformada por cantaría de boa calidade. A fronte da casa organízase de forma simétrica, con ocos pareados en forma de portas e portas de aire, estas últimas coa carpintaría enrasada, isto é, no mesmo plano que a fachada.

No andar superior destaca unha fermosa galería de madeira de estilo neogótico organizada en cinco rúas. Orientada ao Sur, loce xanelas de guillotina separadas por columnas acobadadas rematadas en altura por pináculos e organizadas de tres en tres. Destacan os tímpanos oxivais con deseños xeométricos (cruces de arestas redondeadas, arquiños apuntados e círculos divididos por S) cubertos por cristais de cores.