A vila

Para activar a navegación con son seleccione o texto.

Viana do Bolo insírese no conxunto das depresións e serras sudorientais de Galicia, o que lle confire unha notable complexidade orográfica, na que o trazo máis significativo é o contraste entre os elevados macizos montañosos e os vales, atravesados por profundas gorxas que acollen os leitos máis importantes. Deste xeito, distínguense dúas grandes unidades xeográficas. Por un lado, o Bibei, o Camba e o encoro do Vao debuxan un val que ocupa boa parte do municipio. Polo outro, uns rebordos montañosos, que pertencen aos últimos contrafortes de Pena Trevinca e á serra do Canizo, delimitan a súa franxa oriental e meridional.

O descubrimento, no ano 1728, dunha prancha de bronce labrada parece indicar a presenza dun pequeno castro que puido ser o primeiro núcleo de poboación do municipio. A antiga mina de ouro das Borreas, na parroquia de Caldesiños, é un testemuño excepcional da ocupación romana neste territorio. Escribiu Otero Pedrayo que Viana do Bolo “non se parece a outras vilas galegas (…) que eclipsaron o núcleo antigo. Conserva a súa estrutura de vila en torno á praza; ten aspecto de cidade. A antiga ponte, os fondos camiños riberáns do Camba e Bibei, as aldeas próximas, como San Mamede, ofrecen paseos e paisaxes de suxestiva beleza”.

O antigo castelo de Viana foi derrubado no contexto das Revoltas Irmandiñas de finais do século XIV. O novo señor, Pedro de Pimentel, mandará erguer unha Torre da Homenaxe cun estilo gótico, rodeado dun núcleo urbano con maior presenza nobiliar. O máis interesante do paseo pola vila, coñecida popularmente como O Cabo da Vila, consiste en observar as estreitas rúas que apenas deixan pasar a luz do sol entre as vivendas, indicativo dun antigo trazado urbano medieval. A vila de Viana do Bolo ocupa un pequeno promontorio, rodeado por un dos brazos do encoro do Vao, no río Bibei. En torno á praza Maior hai edificios barrocos con soportais, un frontón semicircular, pináculos, gárgolas e balconadas, xunto con galerías acristaladas.

Descarga aquí o plano guía de Viana do Bolo (PDF)

Para activar a navegación con son seleccione o texto.