Ara romana

A Ara é un pequeno altar de pedra romano que ten a forma de pedestal ou de columna de sección cuadrangular. O pobo galaico-romano (s.I a.C-s. V d.C) utilizouna para comunicarse co alén, de aí que realizasen sobre ela ofrendas de líquidos e vexetais dedicados aos seus deuses e mesmo sacrificios de animais.

Este pequeno altar está coroado por unha cavidade na parte superior que recibe o nome de foculus, un espazo cóncavo no que se queimaban as ofrendas. Nunha das caras obsérvase os restos dunha inscrición que foi repicada.

Grazas a unha placa de bronce descuberta en Viana no ano 1728 coñecemos o nome do pobo indíxena que puido habitar esta bisbarra antes da chegada dos romanos: os Alterniaicinos. Tamén o nome dunha das súas divindades: 




Aegiamuniaeco. Nicolás Tenorio (1904) cría que a actual Viana do Bolo era a Volobria que cita o xeógrafo grego Claudio Ptolomeo (100-170 d.C) ou ben a Volobriga á que se refire Manuel Huerta (1736).

Ignórase o contexto arqueolóxico no que apareceu esta peza, de aí que non poidamos dicir nada sobre as circunstancias do achado.