Igrexa de Santa María de Louzaregos

O templo de Santa María é un exemplo típico de románico rural, con nave e ábsida únicos de planta rectangular. Edificada cun paramento desigual a finais do século XII, con perpiaños ben labrados e escuadrados nas esquinas e cachotería concertada no resto dos muros, destaca a cantaría da escaleira de acceso exterior á espadana que, no seu interior, acolle un pequeno baptisterio.

A portada occidental é moi simple, cunha dobre arquivolta de medio punto sen tímpano soportada por xambas cortadas en aresta viva. Chama a atención que a porta estea desprazada respecto do eixe de simetría que definen a espadana e a ventá seteira que a precede en altura.
 
Os muros Norte e Sur aparecen coroados por unha cornixa de aleiro cortada en chafrán que soportan ilusoriamente unha ducia de canzorros xeométricos –bastante deteriorados– de talla popular. O muro norte da ábsida loce catro canzorros máis de deseño xeométrico que serviron para soportar unha cuberta hoxe desaparecida.
 
O interior destaca pola altura da nave, separada da ábsida por medio dun arco triunfal de orde dórica, encalado e pintado con cores vivas e deseños vexetais pintados polos fregueses baixo a dirección do párroco hai uns sesenta anos. O peche do adro foi levantado no ano 1833.

A Geografía del Reino de Galicia afirma que a parroquia é regada por “el arroyo Lozaregos, que nace en los altos de Penouta y pasa de Este a Oeste desaguando en el Bibey, entre esta parroquia y la de San Martín de Frojás. El terreno es bueno con muchos castaños, cosechándose también vino y criando ganado vacuno y lanar. Hay un molino y varios telares. El lugar tiene 24 edificios y 100 habitantes y dista una legua de Viana.”
 
Vicente Risco, 1936