Pazo de Umoso

Pascual Madoz escribía en 1845 que a parroquia de Umoso “tiene 12 casas de mediana fábrica, escepto una perteneciente a la familia de los Macía, que está bien construida, así como una capilla que hay en ella dedicada a San Antonio de Padua”.

O pazo, que non é visitable, organízase arredor dun patio de planta rectangular, situando unha ampla terraza aberta no muro Sur con magníficas vistas ao val do río Bibei. Arredor daquel patio central descóbrese unha galería de madeira voada, así como un corredor elevado –outrora totalmente aberto e balconado– que percorre o interior de toda a planta residencial.
 
Aínda se conservan a meirande parte das construcións adxectivas da casa grande: A Cova (unha adega escavada na terra), a paneira, o forno, a fonte e un pombal de planta circular encalado (situado a 120 m ao sueste). A construción á que se accede a través dun corredor elevado sobre un grande arco de medio punto dá acceso ao muíño e incluso a un xerador eléctrico que fornecía de luz á vivenda.
 
Apegada ao muro Leste sitúase unha elegante capela barroca da que, alá pola década de 1970, foi retirado e vendido o seu retablo. Hoxe seica se conserva nunha casa adiñeirada de Madrid. A súa porta principal aparece enmarcada por dúas pilastras que soportan un frontón semicircular partido –coa imaxe do franciscano nunha fornela avieirada– que aparece coroado por un brasón. No cumio, unha espadana dun único oco rematada por unha edícula triangular flanqueada por pináculos.

...O arreglo que pedía don Felices era que ao espelliño volaraselle o azougue cando lle estaba adiviñando na feira de Viana do Bolo, a querencia dunha moza ao señorito de Humoso. A compostura non era auga de maio, que faguía falla azougue italián serenado, e xa metidos en obras e gastos conviña mudarlle tamén a area ao reló...
 
Álvaro Cunqueiro; Merlín e Familia. 1968