Igrexa de San Sebastián

San Sebastián de Pradorramisquedo, construído ou reedificado no ano 1802 segundo consta nunha inscrición da súa fachada, sería un templo de estilo tardobarroco ordinario e anódino senón fose pola súa fabulosa espadana. Mirándoa semella que o mesmo Castelao se inspirou nesta aldea raiana cando escribiu no Sempre en Galiza (1944) sobre o lar patrio:
 
Para uns a Terra é o pequeno berce en que nasceron: a penas un fremoso val, que tén un río de prata, unhas casas que fumegan, un campanario lanzal e un cimeterio onde durmen os seus avós
 
De planta rectangular e unha soa nave, o templo consagrado ao santo mártir nado en Narbona (Francia) merece loa e gabanza, fundamentalmente, pola sorprendente estilización e a extraordinaria altura da súa torre. Dividida en dous corpos, o principal aparece enmarcado por dúas pilastras lisas, abrindo no seu interior un dobre oco alto e ben proporcionado baixo arcos de medio punto peraltados. Sobre el, unha cornixa voada serve de base a unha edícula rectangular flanqueada por pináculos e rematada nun frontón partido de inspiración barroca que opta polo arco apuntado como coroación.

O retablo que se levanta no altar maior –de labra popular– é o único que loce no interior dun templo que, en 2007, sufriu o roubo dunha valiosa talla de San Antonio datada no s. XVIII e de dúas táboas coas imaxes de San Paulo e San Pedro

En 1845 Madoz escribe da nosa parroquia: “situada cerca del río Bibey en una montaña v circuida de grandes peñascos, que imposibilitan la entrada del pueblo, a no ser por el lado del r.; el Clima es frio, pero sano” (...) “El Terreno es áspero y fragoso, habiendo a las inmediaciones de la población algunas pequeñas vegas. Produce: centeno, patatas, legumbres, leña de roble y pastos; se cría ganado vacuno, de cerda, lanar y cabrío, y caza de varias especies. Población: 16 vecinos, 80 almas”.
 
 
...Os releves de 1.600 acompáñano na entrada nos marcos da Galiza polas impresoantes soedades de Prado Ramisquedo. Mais dende Pías e Seber as encostas de Humoso alédanse con parroquias como Cepedelo, entramas de Humoso, Vilardemilo e Pinza xa perto de Viana. Os pobos fuxen do fondal pouco a pouco máis dibuxados...
 
Ramón Otero Pedrayo; 1962